+ 34 981 508 142

VIAXE A GRECIA DE AGA

15 de outubro de 2019

Do 28 de setembro ó 4 de outubro viaxaron a Grecia un grupo de apicultoras e apicultores galegos, que coñeceron durante unha semana a apicultura grega da man da empresa apícola Anel, que colaborou na organización da viaxe.

 

A primeira das visitas foi a cidade de Atenas e por suposto tamén o Partenón. O día seguinte, de camiño a Thessaloniki, puideron charlar cun representante  da Federación de Apicultores de Grecia, que lles ofreceu información sobre a apicultura grega. A produción media por colmea neste país está nos 15/20 Kg de mel e dentro dos tipos de mel destacaron o de tomillo, que se pode chegar a pagar a 20 € / Kg, ou o de melato de pino que se paga a 4 ou 5 € / Kg.

Outra das visitas foi ó Instituto Helénico de Apicultura situado en Thessaloniki, a segunda cidade máis importante do país. A persoa encargada do centro, que acompañou ó grupo de AGA durante a visita, explicou a importante investigación que están realizando na selección de abellas e zánganos e estudios sobre sanidade apícola, como por exemplo o uso do ácido oxálico para o control da varroa. Antes de deixar Thessaloniki, visitaron o Centro de Divulgación Apícola Honeypark, xestionado pola empresa de material apícola Anel e de regreso a Atenas fixeron parada en Meteora, famosa polos mosteiros do século XIV construidos na cima de elevadas formacións rocosas.

A viaxe de AGA pasou tamén pola maior envasadora de mel de Grecia, Attiki Honey, con 110 traballadores e un volumen anual de envasado de 2 millóns e medio de kilos de mel. Visitaron tamén as instalacións de Anel, a empresa de material apícola que colaborou na organización desta viaxe, e o xacemento arqueolóxico de Elefsina, ubicado nas súas proximidades.

Xa o último día, de camiño ó aeroporto, realizaron unha última visita a Apivita, unha innovadora  e consolidada empresa de cosmética que comercializa os seus centos produtos, basados nos produtos da colmea, por todo o mundo.

A continuación algunhas imaxes da viaxe:

 

 

 


Voltar