+ 34 981 508 142

VIAXE PRÁCTICO A MACMEL SOBRE A COLLEITA DE POLE

18 de xuño de 2018

O día 13 de xuño un grupo de 14 participantes, do Curso Superior de Apicultura Comercial celebrado na EGA, acudiron a Portugal, Macedo de Cavaleiros, sede da firma MACMEL para ver in situ a colleita de pole que realiza un grupo de 8 apicultores daquela comarca que se coordinan para a colleita e comercialización de pole.

O pole é un produto que ten unha boa demanda no mercado, serve para diversificar e incrementar a rendibilidade das explotacións apícolas. A colleita de pole de 5 quilos de promedio por colmea e ano é factible e mermará un 19% a colleita de mel.

 

Cando as colmeas están ben desenvolvidas, xa podemos colocar os cazapoles nas colmeas, en todas, coa trampiña aberta e o cabo de 3 días xa podemos poñer a trampiña en posición de colleita. Para o grupo MACMEL, as colmeas permanecen así durante 60 ou 70 días, e cada 2 días haberá que facer a colleita do pole que se fará en caixinhas de froita cunha tela mosquiteira no fondo e cun grosor, de pole, máximo de 5 cm. Hai quen opina que é mellor cada 6 días abrir as trampas 2 días.Con chuvia ou néboa non se pecharán as trampas. Os cazapoles haberá que limpalos cada pouco tempo.

O pole ten un promedio dun 20% de humidade cando se colleita, para conservalo en seco haberá que deshidratalo en bandexas de 3 cm de grosor como máximo e debemos reducir a humidade ata un 6 %. Isto pode facerse nunha estufa de aire quente a 45ºC de Tª nun mínimo de 12 horas. Francisco Rogao pensa que ainda que tamén se pode comercializar e consumir en fresco polo sistema de conxelación, sen embargo é moito máis práctico facelo en seco para comercialízalo. Para evitar que se estrague tamén se lle pode inxectar nitróxeno ou un gas inerte para mellor conservación.

Pola tarde fomos a visitar 2 apiarios, o primeiro colleitando pole e o segundo de cría de raiñas que é outra das actividades de MACMEL, o mesmo ca venda de núcleos. Alí pódense mercar raiñas sen fecundar a 5 € unidade unhas 250 a semana.

 


Voltar