+ 34 981 508 142

VISITA DOS ABELLEIROS DE AGA Á ESTRADA

19 de novembro de 2019

O pasado 16 de novembro un grupo de abelleiros e abelleiras de AGA visitaron a Estrada para coñecer as experiencias de combinación entre apicultura e fruticultura deste concello, que está collendo moita sona pola súa produción de mazás e sidra, pero onde tamén se atopan outras producións froiteiras, como os arandos e os kiwis. 

 

 

Da man do apicultor Martín Cañedo, afincado na Estrada e recén incorporado en apicultura pero xa con máis de 200 colmeas, coñecemos as posibilidades de enriquecemento mutuo entre apicultura e fruticultura. Martín ten varios colmeares distribuidos pola Estrada en plantacións de maceiras principalmente, propiedade do produtor José Antonio López Pampín, que tamén acompañou ó grupo na visita, explicando os seus coñecementos despois de máis de 40 anos traballando neste sector.

Según López Pampín, a presenza de abellas é indispensable para lograr unha produción de calidade e cantidade e, ó mesmo tempo, as colmeas benefícianse do alimento que lle ofrecen as maceiras en flor, tal como recalcou Martín Cañedo. Todas as plantacións deste produtor de mazá  estradense están en ecolóxico e utiliza varidades autóctonas principalmente, que son as que mellor resultados ofrecen. Aínda que López Pampín queixouse da falta de estudios que certifiquen estas variedades, para o cal hai un estudio en marcha con varios campos de ensaio distribuidos por Galicia,  un deles na Estrada, pero sen resultados oficiais publicados todavía. Outro dos inconvintes mencionados foi o baixo prezo no mercado da mazá para sidra, que anda sobre os 18 céntimos o Kg, mellorando ata os 27 céntimos se é ecolóxico.

 

Outra da visitas realizadas foi á produción de arandos de Ana e Diederik, unha parella extranxeira con raíces galegas, que se asentaron na Estrada e adican parte da súa actividade á produción de arandos en ecolóxico. Tamén nesta finca ten o socio de AGA Martín Cañedo un dos seus colmeares, para mellorar a polinización das súas froiteiras e obter a súa vez él unha boa ubicación e fonte de alimento para as súas abellas. A produción de arandos, comentaron os seus donos, aínda que consideran que non depende tanto das abellas como as mazás, sí que éstas benefician en xeral ó entorno, pois ademais de arandos teñen outras producións de froita e cultivos. Pero sí especificaron que para a polinización dos arandos están máis especializados os abellóns, para o cal mercan paquetes nas tempadas de floración, asegurándose unha perfecta polinización.

 

 

A útima das plantacións visitadas foi de kiwis, propiedade da empresa Kiwi Atlántico, na que o apicultor e socio de AGA Isra Ferrero ten instalado un colmear. Neste caso, trátase dun contrato para ofrecer o servizo de polinización nos kiwis, para o cal é moi beneficioso xa que mellora considerablemente a produción e o calibre da froita. Pero o rendemento por parte das colmeas, comentou Isra, non é tan elevado. As abellas aproveitan o pole do kiwi, pero se teñen outras fontes de alimento no mesmo momento, como o eucalipto que pode florecer ó mesmo tempo, soen deixar o kiwi. Polo tanto, para asegurar unha perfecta polinización é preciso forzar algo as colmeas para que precisen máis entrada de proteina. De tódolos xeitos, esta é tamén unha experiencia interesante porque amosa outro potencial das abellas que é o servizo de polinización, que pode traducirse como un produto apícola máis, aínda que está pouco desenvolto aquí en Galicia.

 

 

Para rematar a xornada, visitaron o Lagar de Sidra a Peroja, unha empresa familiar que recuperou a elaboración tradicional de sidra da familia, que comercializa con moito éxito na actualidade xunto co mosto de mazá, todo en ecolóxico. Na visita o dono do lagar amosou o lagar antigo, que todavía conservan en bo estado, e o moderno, explicando todo o proceso de elaboración desta bebida. Ademais de mazá, que venden unha parte a granel e outra adícase á produción de sidra, tamén teñen produción de mel e outros produtos da terra. 

 


Voltar