+ 34 981 508 142

XORNADA SOBRE A VESPA VELUTINA - ALLARIZ

30 de marzo en Paciños (Allariz)

Organiza: Escola Galega de Apicultura, Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro

O vindeiro 30 de marzo a Escola Galega de Apicultura acollerá esta xornada sobre a Vespa velutina, o tártago de patas amarelas ou asiático en Allariz, dirixida principalmente a apicultores e apicultoras de Ourense. Incluirá palestras sobre a bioloxía e comportamento da Vespa velutina, técnicas de control, como o trampeo preventivo e uso de arpas eléctricas para a protección das colmeas e obradoiros prácticos sobre o uso destas ferramentas.

A participación é de balde, pero requírese inscrición previa, por email info@apiculturagalega.es ou teléfono 981 508 142. A data límite para inscribirse remata o 27 de marzo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Esta provincia é un dos últimos territorios colonizados polo tártago asiático en Galicia e onde se prevé un avance importante para este ano. Sendo Ourense a provincia con maior número de profesionais do sector apícola e unha das que teñen máis colmeas, o dano económico pode ser moi importante, ademais do ambiental e social.

Por iso, o principal obxectivo desta xornada será ofrecer información para combater esta praga, aprendendo as técnicas e ferramentas que amosaron eficacia noutras zonas de Galicia onde xa levan tempo con esta loita. Tamén vai destinada ós concellos, tanto a responsables políticos coma ó persoal técnico, para que se impliquen por un lado na loita institucional, a través da Plataforma Stop Velutina, pero tamén na loita práctica, con campañas de prevención e información entre a veciñanza, así como organizando equipos de traballo eficientes. Calquera persoa con sensibilidade sobre as abellas e ambiente poderá igualmente participar nesta xornada, para coñecer como está afectando este insecto invasor na nosa contorna e de que maneira poden colaborar. 

Mobilización Stop Velutina, 4 de abril, en Ourense

Ante a pasividade da Xunta de Galicia e en previsión da grande afectación que terá o avance do tártago de patas amarelas en Ourense, AGA convocará unha concentración abelleira o día 4 de abril a partir das 11 h ante a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense (Av. da Habana, 79).

Facemos un chamamento a todos os socios e socias de AGA a participar, que ampliamos tamén ós concellos, organizacións do sector apícola e outros afectados, así como á cidadanía en xeral, pois este é un problema que afecta a todos e todas. Acudiremos cos nosos traxes abelleiros e afumadores, así como con outros materiais que chamen a atención dos medios e da administración, para que se nos vexa e se nos escoite.

O obxectivo será que a Xunta admita as nosas demandas e que poña os medios para que se leven á práctica, cun plan de loita eficiente e o financiamento necesario, tendo en conta ós sectores afectados. Xa levamos tempo loitando polas vías administrativas e parlamentarias, sen conseguir ningunha resposta ata o de agora. Por iso é momento de mobilizarse e esixir xa ó Goberno que actúe.

 

PROGRAMA XORNADA SOBRE A VESPA VELUTINA

30 de marzo, Escola Galega de Apicultura -  Paciños (Allariz)

Participación: Aberta a todo o público interesado, ata completar aforo

Prezo: De balde, logo de inscrición

Xantar: 8 €,  logo de reserva

Inscricións: Ata o 27 de marzo (para asistir a xornada e reservar o xantar), por email a info@apiculturagalega.es ou tel. 981 508 142

Programa:

Ás 10 h. Bioloxía e coñecemento sobre o tártago asiático:

Ciclo biolóxico e comportamento da Vespa velutina, situación en Ourense. Por Joaquín Lozano, veterinario de AGA. 

O que aínda non sabemos da Vespa velutina. Por Suso Asorey, biólogo e voceiro de AGA.

Ás 11 h. Estratexias de loita: trampeo, protección das colmeas e retirada de niños.

Trampeo preventivo e selectivo. Por José Mª Bello, DAGA Morrazo

Protección das colmeas coas arpas eléctricas Por Rafa Díaz, DAGA Ferrolterra

A retirada de niños. Por Miguel Ángel López, Protección Civil Allariz.

Ás 13h. Obradoiro: Elaboración e uso de trampas (por grupos, ata cubrir o aforo das aulas).

Ás 16 h. Loita institucional: Asociacionismo e Plataforma Stop Velutina. Por Pepe Torres e Paula Souto, directiva de AGA

Ás 16.30 h. Presentación dos diferentes modelos de arpas eléctricas. Por constructores e empresas especializadas.

Ás 17.30 h. Obradoiro: Manexo das colmeas e uso das arpas eléctricas (por grupos, ata cubrir o aforo das aulas)

De 10 a 19 h. Exposición "Loita contra a Vespa velutina"

Información xeral sobre o tártago asiático, constructores de arpas eléctricas e outras ferramentas de loita. Participan: Eugenio Pichel, Fernando Cores, Apiyago, Benigno Fernández, Apicola Regueira e Vel-Zapper.

 


Voltar