+ 34 981 508 142

CIRCULAR INFORMATIVA XULLO 2018

FEIRA DOS PRODUTOS APÍCOLAS - 16 de setembro en Allariz

A Escola Galega de Apicultura, integrada por AGA, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, organiza esta feira na que participarán os alumnos e alumnas do Curso Superior de Apicultura Comercial, celebrado esta primavera en Allariz e que remata con esta práctica.

O obxectivo principal do evento é poñer en valor a diversidade e riqueza dos produtos da colmea e o seu potencial no mercado. Será unha feira "con valor engadido", cunha ampla e variada oferta de produtos de apicultores e apicultoras e casas comerciais galegas e extranxeiras. Haberá tamén un programa de actividades paralelo, con consultorios sobre os usos e propiedades dos produtos apícolas e a apiterapia, obradoiros de cosmética apícola e catas de mel, entre outros. Tamén ofreceremos actividades dirixidas a apicultores e apicultoras, sobre a saúde das abellas e a Vespa velutina, obradoiros para nenos e nenas, actuacións e moito máis. Co fin de valorar a presentación e a oferta dos expositores, organizaremos un concurso no que o público poderá votar ó mellor expositor en función dos seguintes criterios: imaxe, calidade, orixinalidade e variedade dos produtos e do posto. O programa completo publicarase a principios de setembro.

Inscrición e selección

Para inscribirse é preciso cubrir a solicitude e enviar a AGA antes do 15 de agosto. A organización fará a selección dos expositores según a orde de prioridade que expoñemos a continuación e comunicará ó solicitante a súa admisión antes do 31 de agosto. A participación será de balde.

Orde de prioridade para a selección de expositores

1º Participantes do Curso Superior de Apicultura Comercial

2º Socios e socias de AGA con produtos con valor engadido

3º Resto de socios e socias de AGA

4º Empresas convidadas

Condicións de participación

Todos os produtos expostos deberán estar etiquetados según a normativa vixente e cada participante responsabilízase das correctas condicións dos seus produtos. Fixarase un prezo mínimo de venda de 9 € o bote de 1 Kg e 5 €  o 1/2 Kg.

Descargar a solicitude de participación na feira coa circular informativa neste enlace "Circular Informativa Xullo 2018"

 

APICULTURA 2018

Despois dunha saída do inverno con grandes perdas de enxames debido as consecuencias da seca do ano pasado, dos efectos da velutina e outros, o arranque deste ano tamén resultou nefasto. Á debilidade dos enxames hai que sumarlle o mal tempo que padecemos nestes primeiros 6 meses do ano de tal xeito que a colleita da primavera,  foi cativa ou nula. De como vai evoluir a situación a partires dagora ainda non estamos seguros, pero as cousas non pintan ben.

En canto á velutina, vemos que ven con retraso e tamén pode ocurrir que este ano non sexa tan bo para elas debido as condicións climáticas, pero témolas  aí e a nosa Administración competente segue sen tomar  isto en serio. Temos novas de avances na investigación:  feromonas sexuais, sobre a localización de niños por parte de investigadores ingleses,  eliminación de niños con disparos de bolas con biocidas por parte dunha empresa francesa…

Nesta situación de febleza, os apicultores acudiron masivamente a alimentación suplementaria, copiando o que fan outras ganderías, pero non esquenzamos que a produción de mel ten que vir das flores. Mellor sería ir pensando noutras formulas de manexo, como por exemplo a transhumancia, tanto para mellorar a colleita como para escapar da velutina  ou para reproducir colmeas e repoñer ou vender núcleos a principios do seguinte ano.

 

CURSO DE SANIDADE E MANEXO NA ESCOLA GALEGA DE APICULTURA

Estamos preparando un programa de formación na EGA para desenvolver a partir do outono e do que informaremos á volta do verán. Como adianto, informamos que organizaremos un Curso de Sanidade e Manexo, que terá como obxectivo mellorar a saúde das nosas abellas e facer máis eficiente o manexo das colmeas para obter unha maior rentabilidade e sustentabilidade das explotacións apícolas. Vai dirixido principalmente a apicultores e apicultoras con experiencia e a aqueles que queiran adicarse á formación. No mes de setembro publicaremos o programa completo e abrirase o prazo de inscrición.

 

RESOLUCIÓN DO PLAN APÍCOLA

Acaban de comunicarnos a resolución da subvención do Plan Apícola 2018. Para AGA concederon un total de 185.529,98 €, que se reparten do seguinte xeito: técnicos 80% do seu custe (48.000 €), tratamentos varroa 80% (104.956,83 €), alimento 50% (28.151,08 € ) e cera 9% (4.422,07 €).

No alimento devolverase polo tanto o 50 %, como máximo 2 € por colmea, e na cera o 9 %. No caso do tratamento da varroa xa non se devolve nada pois pagouse a prezo subvencionado. A Consellería de Medio Rural realizará o ingreso da subvención a AGA no mes de outubro, polo que a devolución ós socios e socias farase entre os meses de novembro e decembro no nº de conta indicado para a domiciliación da cota de AGA e no caso de non ter a cota domiciliada hai que poñerse en contacto con AGA para acordar a forma de pago. Lembramos que o prazo para recoller o alimento e a cera remataba o 7 de xullo e os tratamentos da varroa xa repartíronse según o calendario publicado, os que teñen máis de 100 colmeas recibírono no seu domicilio. Os socios e socias que non o recolleran, por favor que o fagan o antes posible.

 

VACACIÓNS AGA E ERICA

Do 15 ó 31 de agosto AGA e Erica Mel permanecerán pechadas por vacacións do persoal. Pregamos ós socios e socias que teñan que facer algún pedido, que o fagan con tempo suficiente de antelación.

Descargar